Moret Art mostra en “Mona Lisa with Rhino” un percorrido pola obra de Lino Lago, un artista crítico e comprometido que desde a ironía convídanos a reflexionar sobre a sociedade actual
Este venres, día 4 de novembro, ás 20.00 horas, a sala Moret Art (C/Uruguay, 1 baixo) inaugura a mostra “Mona Lisa with Rhino” do internacional artista galego Lino Lago.
A mostra reúne pezas das series máis representativas na traxectoria do artista, tales como “Vítima”, “Pintura sobre pintura”, “Atentados”, “Situacións” e “Pinturas comentadas”. O eclecticismo é un adxectivo inherente á obra de Lino Lago, por iso é polo que as súas exposicións sempre sexan moi variadas estilísticamente, pois algo que rexeita Lago é a monotonía. Con todo, ideológicamente poderíase definir a súa pintura como unitaria e absolutamente coherente, posto que todo nace dunha crítica e un compromiso coa realidade actual. As súas obras presentan unha magnífica factura técnica, pero o artista vai máis aló da pura estética -pois como el mesmo afirma: “Saber plasmar a realidade non é, en absoluto, suficiente”- e busca a inspiración na vida cotiá para crear unha pintura cunha gran carga conceptual.
Nas obras que conforman o traballo que leva por título “Vítima” Lago trata o tema da inxustiza e o sufrimento innecesario dos animais. O artista redondelano fai fincapé no “animalismo”, unha corrente de pensamento e acción que parte de entender que a relación que mantén o ser humano cos animais na sociedade actual é absolutamente abusiva, cruel e inxusta. Para representar esta situación o artista xoga co tamaño, reducindo a animais como rinocerontes, ras e vacas a unha mínima dimensión, mentres que somete a un “agigantamiento” metafórico a obxectos artísticos cotiáns. Neste caso, por tanto, o tamaño si importa para Lago, e con eses xogos de escala consegue crear unhas obras belas e suxestivas.

No resto de series atopámonos cunhas pezas nas que, do mesmo xeito que as anteriores, o humor gráfico é decisivo e parecen cuestionarse a si mesmas nunha especie de arrepentimento para dar paso a algo diferente, pois como sostén Lago: ´En todas as miñas obras as imaxes máis caducas ou estándar non se cren a si mesmas e deixan entrar a “outra cousa diferente"`. Imaxes radicalmente abstractas superpóñense a pinturas decimonónicas, outras presentan un certo aspecto de carteis publicitarios con textos intrusivos que conviven con imaxes clásicas, e tamén, no que parece un acto de democratización dos obxectos, atopámonos nunha mesma obra a cabeza do Felipe II de Velázquez xunto co Pato Donald de Disney.
Lino Lago (Redondela, 1973), formouse en Belas Artes na Universidad Complutense de Madrid e reside desde hai varios anos en Vilnius (Lituania). Recibiu destacados premios, como unha mención de honra no Museo Thyssen de Madrid no certame de pintura organizado pola “Fundación de las Artes y los Artistas” de Barcelona ou a mención de honra no “XXIV Premio BMW de Pintura”. O seu traballo foi exposto en destacados espazos como a Casa de Galicia en Madrid, o Flint Institute de Michigan ou a destacada George Adams Gallery de Nova York. Tamén participou en importantes feiras como Arco, Art Miami ou Art Fair “SH Contemporary 09” de Shangai, e a súa obra forma parte de recoñecidas coleccións públicas e privadas tanto a nivel nacional como internacional.
A mostra poderase visitar ata o 16 de decembro no seguinte horario:
L/V, 10:00-14:00 e 17:30-20:30
luns 31 outubro 2016
En EXPOSICIÓNS | | Permalink
os comentarios foron deshabilitados.
-
Galerías
Algunhas das miñas fotos- Street Art
- Gemma Marqués
- José Luis García
- Matías Marqués
- varios
- Mané Boán
- Salanova
- Tesouro
- Roxel
- Enrique Lista
- Ramón Casanova
- Fran Lareo
- Pirucha
- Daniel Alonso
- Xesús Méndez Padín
- Ritta Bremer
- Alejos
- María Xesús Díaz
- Mercedes Molares
- Maica Alonso
- Mónica Vila
- Santi Collazo
- Ligazóns
-
Seccións
-
Ligazóns
-
RSS