Moret Art móstranos as fronteiras da realidade da man de Soledad Córdoba en “Limbo (Temps d´un voyage)

A sala Moret Art Espazo (Cª/ Uruguai 1, baixo) presenta por primeira vez en Galicia o vindeiro sábado, día 7 de maio, ás 12.30 horas a obra de Soledad Córdoba, unha das figuras femininas máis destacables dentro da fotografía contemporánea.  

Soledad Córdoba enfronta en “Limbo (Temps d´un voyage)” ao espectador co complexo acto de crear.  A través dunha viaxe onírica e vivencial a artista profunda na interesante tradición de fusión do creador co seu taller. A modo de diario emocional, móstranos o seu estudo como máquina de memoria, como reflexo da súa mente… enchéndoo de naturezas mortas, de símbolos do inerte, de obxectos moribundos…de pesadelos…e  expóndonos o seu propio universo, un universo no que xoga con estados de vixilia, rêverie, e soño. No percorrido polos tres territorios, moi presentes na tradición oriental,  revélansenos obxectos simbólicos que actúan como ortopedias da artista: caveiras ou  paxaros mortos móstranse como pegadas dese estado intermedio entre “vivir” e durmir que describe a tradición sufí.
 
É nesta fráxil fronteira entre a realidade e a ficción, entre o belo e o sinistro,  na que a artista xoga a aparecer e desaparecer nun taller branco, simétrico e  silencioso, no que destaca un elemento tan icónico e clásico como unha ábsida, convertendo o proceso creativo nun acto case sacro. Dun modo xeneroso e valente a artista comparte co espectador o seu mundo interior, lembrando a grandes creadoras como Frida Kahlo, cuxa obra se converte nun poderoso instrumento co que exorcizar angustias e demos. En palabras da propia Soledad, “Un lugar secreto é unha viaxe ás profundidades do lugar máis íntimo onde a realidade despréndese do mundo converténdose en algo perturbador, fermoso e mesmo poético. Un non pode fuxir de si mesmo e do que lle rodea pero existen mecanismos case máxicos que fan que experimenten novas realidades”. Soledad Córdoba parece plantar cara aos seus monstros a través da súa obra e en ocasións logra vencelos, transformándoos e pulverizándolos ante os nosos ollos.
 
As pezas fotográficas combínanse con obra audiovisual que farán as delicias dos máis esixentes e permitirán ao espectador penetrarse no universo creativo desta sorprendente artista. Para esta exposición, que estará aberta ata o 17 de xuño do presente ano, Moret Art levará a cabo talleres infantís e charlas para o público adulto. “Unha das nosas máximas é dinamizar as exposicións de principio a fin e desta forma achegar a arte aos máis pequenos e ao público xeral”, afirma Nuria Blanco- directora da galería.

martes 03 maio 2016

En EXPOSICIÓNS | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado




Google+

Visita el perfil de galizart de Pinterest.
Follow my blog with Bloglovin

Follow



Instagram