Lago Rivera. No principio do mundo, 1916-2016

 A Sede Afundación da Coruña acolle a exposición «Lago Rivera: No principio dun mundo, 1916-2016» ata o 10 de setembro. Con ela rendemos homenaxe ao pintor coruñés no ano do centenario do seu nacemento. Trátase dun dos artistas galegos máis relevantes da segunda metade do pasado século, pertencente ás novas xeracións formadas despois da guerra civil. Traemos a súa obra ao presente para revisala cunha nova ollada e redescubrir novos focos de interese. 

 
Entrada libre. 
 
O proxecto expositivo está conformado por pezas cedidas por variadas coleccións públicas e privadas e préstamos particulares, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. En total 53 obras mostran os cambios conceptuais e formais da arte do pintor ao longo de máis de corenta anos, información que se amplía a través dunha valiosa documentación da época, fundamentalmente, catálogos e publicacións sobre Lago Rivera, e cunha colección de gravados e debuxos. Compleméntase ademais cun catálogo con textos do propio comisario, Carlos L. Bernárdez. 
 
Antonio Lago Rivera estuda nos anos corenta na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid e completa a súa formación cunha primeira estadía parisiense. Da súa formación académica e inquedanza renovadora pola arte internacional xorde a súa obra, que consegue afianzar a súa identidade en diferentes ámbitos histórico-sociais e artísticos que a poñen a proba e someten a variados retos. En 1945 participa na exposición «La joven escuela madrileña», organizada pola librería-galería Buchholz, onde dá a coñecer o seu espírito renovador. É xusto nestes anos corenta cando realiza unha pintura dunha figuración maxicista e primitivista, en diálogo cos realismos europeos, co expresionismo e o surrealismo. Son obras que parecen remitir a unha arte sen codificar, non contaxiada pola racionalidade clasicista nin polo gusto máis académico, con algo de primario, de contacto cunha natureza primordial, co cósmico e o telúrico, expresado nunha evidente simplicidade de formas.
 
Nos anos cincuenta asume a abstracción no París do tachismo, onde se vai instalar, e dos informalismos, en relación coas grandes figuras da pintura internacional coas que chega a expor (José Guerrero, Karel Appel, Asger Jorn, Georges Mathieu, Antoni Tàpies, Antonio Saura...) e en contacto con movementos coma a art brut, CoBrA ou o expresionismo abstracto. No París que se atopa Lago Rivera, en 1952, o crítico Michel Tapié publica Un art autre où il s'agit de nouveaux dévidages du réel, dando un impulso definitivo á abstracción informalista, cando tamén na capital francesa se asiste á penetración da action painting norteamericana.
 
Fronte a todos estes estímulos, Lago vai reaccionar iniciando un xiro que o levará á abstracción. A partir de 1951 pinta paisaxes moi esquemáticas de vivo cromatismo e xa nos atopamos cunha pintura plana, de liñas finas e cunha tendencia a desdebuxar formas secundarias.
 
A partir de 1953 dá paso a cadros abstractos de carácter xeométrico para logo centrarse en formas planas con liñas cada vez máis movidas, con cores simples e fondos brancos, cincentos ou azuis. Entre 1958 e 1959 a pintura faise menos empastada, aparecendo de novo os azuis, os roxos, os amarelos, en tons suaves e formas de cor en grandes espazos. Este será o estilo final abstracto de Lago Rivera, moi achegado ao chamado en Francia nuagisme, literalmente «nubismo», un termo artístico proposto en 1950 polo crítico Julien Alvard.
 
Os anos 1961 e 1962 marcarán a fin desta abstracción nuagiste e o definitivo regreso do pintor á figuración, xa debedora dos logros da súa experimentación colorista abstracta. O que ofrece o artista é unha pintura que, no esencial, analiza de maneira orixinal os xéneros tradicionais, aínda que a partir dos setenta inserta contidos irónicos, sarcásticos e de crítica social presentes en toda a súa obra final.
 
Horarios e visitas guiadas
 
Luns a venres de 17.00 a 21.00 h e sábados e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 h.
Visitas guiadas GRATUÍTAS para público xeral, mércores e venres ás 19.00 h, previa reserva no 981 185 060.


 

sabado 30 xullo 2016

En EXPOSICIÓNS | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado




Google+

Visita el perfil de galizart de Pinterest.
Follow my blog with Bloglovin

Follow



Instagram