Día Internacional dos Museos 2014

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará ao longo de toda esta semana o Día Internacional dos Museos (18 de maio, DIM 2014) cunha ampla programación de actividades para todos os públicos nos doce museos que dela dependen. Neste sentido, cómpre agradecer e salientar o esforzo realizado por directores e persoal dos centros museísticos na programación desta oferta cultural e didáctica que funciona, ao tempo, como dinamizadora das zonas de influencia de cada un destes centros museísticos e como impulso para achegar á cidadanía ás diferentes disciplinas nas que están especializados: a arqueoloxía, a etnoloxía, a cultura castrexa, o mar, as belas artes ou a pedagoxía, entre outras. Todas as actividades organizadas co gallo do DIM 2014 serán gratuítas para os asistentes.

Na capital de Galicia as actividades comezaron xa da man do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), do Museo das Peregrinacións e de Santiago e do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), centros dependentes da Consellería que, en colaboración co Museo Fundación Eugenio Granell, o Museo do Pobo Galego e o Museo Fundación Catedral de Santiago, están a desenvolver un proxecto polo que se intercambian entre si unha obra de cadansúa colección. Así, por exemplo, o CGAC acollerá unha peza do Museo das Peregrinacións, e emprestará outra dos seus fondos ao MUPEGA, e en todos eles celebrarase unha actividade con centros educativos na que o alumnado deberá recoñecer a ‘obra camuflada’.

O CGAC iniciará ademais o domingo ás 13 h, coincidindo co DIM 2014, o ciclo ‘Música e Arte’ cun concerto de Vertixe Sonora Ensemble. Así mesmo e vinculado coas letras galegas, o CGAC ten programado un ciclo de documentais de literatura dirixidos por Gonzalo Veloso os días 13, 14 e 15 de maio. Pola súa banda o Museo das Peregrinacións e de Santiago ten preparadas para toda a semana actividades nas que un educador converterá a visita ao centro nun conto, e nas que as nenas e nenos serán exploradores da colección; e completará a programación con xornadas de portas abertas do 19 a 25 de maio. No caso do MUPEGA, a actividade central celebrarase o martes 13 cunha visita interxeracional do alumnado de 4º e 5º de Primaria do CEIP Igrexa-Calo e membros da Asociación Galega de Enfermos Leves de Alzheimer (AGADEA).

Museo Centro Gaiás

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, celebrará o DIM 2014 cunha xornada de portas abertas de 11 a 20 horas que xirará arredor da auga doce, protagonista da mostra actualmente en exposición, e co patrocinio da Fundación Aquae.

A través do ‘Circuíto da Auga’, grandes e pequenos poderán fabricar xeo e neve, converterán dous líquidos nun sólido, aprenderán a descontaminar a auga e moitas actividades máis nas que descubrir o valor dun elemento indispensable para a vida como é a auga doce; e poderán gozar co ‘Aquofono’, un innovador instrumento musical de percusión. Os máis pequenos terán tamén o seu propio espazo multisensorial: ‘As formas da auga’, no que poderán interactuar con diferentes texturas e tamaños.

En ‘A viaxe dunha pompa’ nenas e nenos aprenderán a crear pompas de xabón, mentres que en ‘Barro+Auga doce: arxila!’ crearán figuras de arxila decoraranas con diferentes técnicas primitivas; e en ‘Augarte!’ trasladaranse á prehistoria creando un mural de arte rupestre. Ademais, toda a familia poderá gozar coa selección de contos ‘Auga Miúda’, un espectáculo de narración oral con contos clásicos, contemporáneos e de creación propia protagonizados por fontes, pozos, ríos, pingas… e interpretados por bonecos, franelógrafos, láminas e efectos sonoros.

As actividades no Gaiás completaranse con oito pases especiais para a exposición ‘Auga Doce’, catro deles para as persoas que queiran coñecer a exposición dunha forma máis específica, e outros catro para a actividade ‘Os Rescatadores de Auga Doce’, na que os membros da familia terán que axudar a salvar a auga do planeta ao longo da exposición e conseguir os emblemas que farán deles uns auténticos superheroes. Todos os pases son de balde pero será preciso inscribirse a través de www.cidadedacultura.org para cada unha das quendas.

Fundación Pública Galega Camilo José Cela e Museo de Belas Artes

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela inicia hoxe mesmo o ‘Letreseo’, semana das letras do museo, vencellando a celebración do DIM á do Día das Letras. Así, o xoves 15 proxectarase nas instalacións da fundación en Padrón o documental ‘Nimbos de poesía’, sobre a vida e obra do autor homenaxeado, Xosé María Díaz Castro. Xa o propio 17 de maio celebrarase unha visita guiada na que se analizará o manuscrito de ‘La colmena’, conservado na fundación; así como unha visita-obradoiro baseada no poema máis coñecido de Díaz Castro, ‘Penélope’. Ao longo da semana o público escolar poderá gozar tamén da visita-obradoiro ‘Xogos de letras’, con itinerarios específicos para cada nivel educativo. A reserva previa será necesaria nas tres, e poderá realizarse a través dos teléfonos 981 812 425 e 981 810 348 ou no correo electrónico camilinhojosesinho@gmail.com .

Ademais a FPGCJC ten aberta esta semana as votacións do concurso escolar no que participan os centros que fixeron a actividade ‘A casa das letras’, e exporá nas instalacións da fundación os traballos realizados polo alumnado dos centros participantes no proxecto educativo ‘Camiliño Josesiño vai á escola’, que poderán verse nas xornadas de portas abertas – con visitas guiadas á exposición permanente- que se celebrarán ata o próximo día 18.

Pola súa parte, o Museo de Belas Artes, na Coruña, ten previsto visitas teatralizadas á colección o venres a partires das 20 horas, así como unha xornada de portas abertas con visita guiada ás 11,30 horas o propio día 18. Tamén o domingo será a cita co ‘Atlantis Piano Dúo’, conformado por Sophia Hase e Eduardo Ponce, un concerto que se celebra no marco do XIV ciclo de Música para unha época, no que se combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do museo correspondente co mesmo período histórico, establecendo así un paralelismo entre a música e a pintura, desta vez centrado no século XX.

Arqueoloxía e etnoloxía

A conmemoración do DIM 2014 no Museo do Castro de Viladonga (Lugo) comezará o venres 16 co espectáculo ‘O Afiador Rodesindo da Barrosa’, a cargo de Pepe Penabade, e cunha conferencia-concerto en homenaxe a Xosé Mª Díaz Castro, con Mini e Mero. Xa o sábado pola tarde celebraranse no xardín do museo actividades de recreación histórica, demostracións e xogos populares con participación do público, a cargo das asociacións do campamento de Arde Lvcvs, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Lugdunum, Terra Copora e do Club de Bolos O Cadaval de Pacios; un programa que se completará cunha actuación  do grupo de música tradicional Os Valuros e outra do Mago Rafa. O museo lucense pechará a xornada uníndose á iniciativa da Noite Internacional dos Museos cunha visita nocturna ao castro, a partir das 22,30 horas.

Pola súa banda o Museo Arqueolóxico de Ourense ten preparadas visitas guiadas para grupos ao edificio do Pazo do Bispo do 13 ao 16 de maio. A inscrición poderá realizarse no 988 223 884, no 988 230 430 ou no correo electrónico mapour@xunta.es. Ademais, o día 14 presentarase a peza do mes, o taboleiro de xogo de 'Aqvis Qverqvennis', o 15 celebrarase o obradoiro 'Ludus, a xogar como os romanos' e o propio día 18 será xornada de portas abertas con visitas guiadas, que se pechará cun concerto de Mónica de Nut ás 21 horas. A programación deste museo pode verse nun vídeo no enlace http://www.musarqourense.xunta.es/xeral/video-coa-presentacion-das-actividades-do-dim-no-museo-arqueoloxico/ .

No caso do Museo Etnolóxico de Ribadavia as actividades transládanse aos días 21, 22, 27 e 28 de maio, cos obradoiros para escolares ‘Escribimos coa luz’, que teñen como obxectivo dar a coñecer os fondos fotográficos do centro.

Parques arqueolóxicos

Os parques arqueolóxicos de Galicia tamén se unen este ano á celebración do DIM. Así, o da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las ten preparado para o día 14 a visita ‘Andar con arte’, na que se coñecerán bens patrimoniais da zona como o Mosteiro de san Clodio de Leiro ou a igrexa de san Miguel de Osmo (Cenlle). Así mesmo exporanse no parque os traballos realizados polo alumnado do CEIP Eulogio Gómez Franqueira arredor do patrimonio cultural local; e celebrarase a presentación de ‘Nas tardes escuras’, o novo traballo discográfico de Fran Pérez ‘Narf’., na que se explora dun xeito innovador a poesía de Rosalía de Castro. A xornada pecharase cunha visita nocturna ao castro na que se mesturarán arqueoloxía e astronomía.

No Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro a conmemoración do Día Internacional dos Museos desenvolverase o domingo 18 , cunha xornada de portas abertas e o sábado 17 pola noite, cun paleoconcerto da man de Neonymus, unha innovadora proposta musical de Silberius de Ura na que frautas de óso de voitre, frautas doces, melódica, ósos e pedras, tubos de plástico, entre outros instrumentos evocarán os sonidos da Prehistoria. Ademais o parque acolle estes días a exposición ‘Viaxe planetaria’, que percorre a arte rupestre que forma parte da Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO nos 5 continentes.

Museo do Mar e Massó

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, celebrará un ano máis o 18 de maio cunha xornada de portas abertas en horario de 10 a 14 e de 17 a 19 horas. Durante esta xornada todas as persoas que se acheguen ao noso museo poderán visitalo completamente de balde, tendo á súa disposición a monitores para resolver as dúbidas e preguntas que lles desexen formular.

Pola súa banda, o Museo Massó, en Bueu, abrirá mañá unha pequena mostra dedicada a unha peza singular deste centro, a partitura manuscrita da ‘Muiñeira opus 32 de Pablo Sarasate’, que se complementará o día 18 cun obradoiro musical infantil sobre a mesma dirixido a nenas e neno de 4 a 9 anos e coa interpretación desta peza musical, ao violín por Iona Pérez e á gaira pola Banda Manxadoira de Bueu. Para o obradoiro será necesaria inscrición previa, que poderá realizarse no teléfono 986 321 838 ou no correo electrónico museo.masso@xunta.es .

martes 13 maio 2014

En NOVAS | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado




Google+

Visita el perfil de galizart de Pinterest.
Follow my blog with Bloglovin

Follow



Instagram