Certame de artes plásticas Novos Valores 2016

 
BASES DO CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES 2016
 
A promoción de actividades culturais, en xeral, e a das manifestacións artísticas, en particular, é un dos trazos que máis e mellor significan ao longo da súa historia a Deputación de Pontevedra. Un dos fitos máis destacados deste labor de patrocinio é a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis, documentadas xa na segunda metade do século XIX e con continuidade na actualidade.
 
A conmemoración este ano do centenario da chegada de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao á cidade de Pontevedra, o feito de que a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedicase no 2016 o Día das Artes Galegas e, sobre todo, a transcendencia que para o desenvolvemento das nosas manifestacións artísticas tivo a súa implicación no proceso de reformulación das bases que, para a concesión de pensións a novos autores, se materializou en 1925, constitúe un momento óptimo para a recuperación de fórmulas de apoio a esa categoría de creadoras e creadores cuxa eficacia está historicamente acreditada.
 
Amparada nestes sólidos fundamentos a Deputación de Pontevedra convoca o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2016, que se rexerá polas seguintes
 
 
 
 
Primeira
Poderán participar neste certame todas e todos os artistas, sen límite de idade, pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas e videocreadores, entre outros, susceptibles de seren considerados novos valores, naturais ou residentes en Galicia, debendo, nese caso, acreditalo documentalmente (de non o facer quedarán excluídos da presente convocatoria). Tamén quedarán excluídas as persoas que xa fosen premiadas por esta institución nalgunha edición anterior deste ou doutro certame.
 
Segunda
As obras presentadas deberán ser orixinais; non se admitirán as que xa fosen expostas noutras mostras, individuais ou colectivas, ou figurasen noutros concursos. Só se aceptará unha obra por artista en cada especialidade. O seu peso non poderá superar os 500 kg nin a súa dimensión os 2,00 m. As obras presentaranse de forma que permitan a súa exposición directa, sen necesidade de manipulacións ou posteriores e complexas instalacións. Os debuxos, as pinturas e as fotografías presentaranse sobre un soporte ríxido e sen cristal.
 
No apartado de audiovisuais admitiranse obras unicamente en soporte CD ou DVD, cuxa duración da proxección non poderá exceder os cinco minutos. A exhibición dos traballos seleccionados neste ámbito farase mediante unha proxección continua de todas as obras desde un reprodutor de DVD a un monitor. Se algún autor ou autora desexase outro tipo de proxección deberá achegar, tanto para a selección do xurado coma para a exhibición, os aparellos técnicos necesarios para poder efectuala, sempre adaptados ao lugar no que se presente a obra.
 
Terceira
As obras deberán entregarse entre o 30 de xuño ao 13 de xullo do 2016 (ambas as datas incluídas), de luns a venres e en horario de 9:00 a 14:00 h, no edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra, situado na rúa Pasantería, 12, 36002 Pontevedra, ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega,. Xunto coa obra as e os artistas entregarán, nun sobre pechado, unha fotocopia do seu DNI/NIE, un CD cunha imaxe dixital en cor da obra cunha resolución suficiente para a súa reprodución, a documentación complementaria citada na base primeira, se fose precisa, e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos, que poderá solicitarse no Servizo de Cultura e Lingua da Deputación, no Museo de Pontevedra ou descargarse na web da Deputación. No momento da entrega daráselles as persoas concursantes un recibo de recepción da obra. A súa presentación será imprescindible para a retirada posterior da obra.
 
Cuarta
A Deputación de Pontevedra, como entidade organizadora do certame, custodiará as obras recibidas pero non se fará responsable de calquera tipo de sinistro que se puidese producir durante o seu transporte, custodia, exposición e devolución. Recoméndase, xa que logo, que as autoras, autores e/ou persoas remitentes subscriban a correspondente póliza de seguro.
 
Quinta
Os gastos de envío e devolución das obras, así como a póliza de seguro, de ser o caso, correrán por conta das persoas participantes. A súa retirada, conforme os prazos que se sinalan na base oitava, deberá realizarse prioritariamente de maneira persoal previa presentación do xustificante. De non facerse deste xeito será responsabilidade das persoas interesadas xestionar directamente a devolución.
 
Sexta
As obras presentadas a este certame serán obxecto dunha primeira selección coa que se conformará a mostra Novos Valores 2016, que estará aberta ao público nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia entre o 4 de agosto e o 11 de setembro.
 
A Deputación, por outra banda, resérvase tamén a opción de promover posteriormente a exhibición destas obras noutros lugares da provincia, comprometéndose, se así fose finalmente, a comunicarlles esta circunstancia con antelación ás e aos artistas seleccionados.
 
Sétima
As obras seleccionadas reproduciranse, ben na páxina web do Museo de Pontevedra www.museo.depo.es, ben nun catálogo impreso se se decidise editalo como complemento da exposición. En calquera dos dous casos corresponderalles aos responsables da súa autoría a xestión ou obtención dos permisos necesarios para esa inserción gráfica.
 
Oitava
As autoras ou autores das obras non seleccionadas deberanas retirar nos cinco días seguintes ao da difusión pública dos acordos do xurado. As obras seleccionadas, en caso de non realizarse unha mostra itinerante, deberán tamén ser recollidas polas persoas autoras nos cinco días seguintes ao último no que estiven expostas. En caso contrario entenderase que renuncian á súa propiedade, polo que a institución provincial quedará facultada para tomar as decisións que sobre elas estime oportunas.
 
Novena
O xurado seleccionador será nomeado pola Presidencia da Deputación e a súa composición será a seguinte:
 
Presidente: o deputado delegado da área de Cultura e Lingua
 
Vogais: cinco persoas de recoñecido prestixio e mais unha persoa representante do Servizo de Cultura e Lingua
 
Secretario: o titular da Deputación ou o membro do funcionariado en quen delegue
 
Décima
Este mesmo xurado será o encargado de propoñer, de entre as obras seleccionadas, a adxudicación de catro bolsas por importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos cada unha para ampliar os estudos artísticos das persoas autoras. O importe destas bolsas será con cargo á aplicación orzamentaria 16/330.3340.481.01 do vixente Orzamento provincial.
 
O xurado resérvase a posibilidade de declaralas desertas se así o estimase oportuno.
 
A entrega dos premios farase efectiva no transcurso dun acto público no lugar e día que se anuncie no seu momento.
 
Undécima
A concesión da bolsa será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a 1 ano, para a materialización da proposta, aboándose o 50 % do importe no momento de asinar o convenio e o restante 50 % tras a entrega e a aprobación da memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén dunha obra orixinal e asinada.
 
A Deputación de Pontevedra comprométese tamén, como complemento e culminación deste certame, a programar nas instalacións do Museo de Pontevedra, dentro do ano seguinte ao da aprobación da memoria citada, unha exposición con obras das catro persoas premiadas, encomendándoselle a súa xestión ao citado Museo.

Duodécima
A participación neste certame leva implícita a aceptación plena destas bases. As decisións do xurado seleccionador serán inapelables, quedando facultado para interpretar e resolver as dúbidas que se puidesen presentar no transcurso das súas deliberacións.
 
Décimo terceira
Para todo o non establecido nestas bases serán de aplicación as de execución do Orzamento provincial e a demais lexislación aplicable.

mércores 15 xuño 2016

En CONVOCATORIAS | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado




Google+

Visita el perfil de galizart de Pinterest.
Follow my blog with Bloglovin

Follow



Instagram